- Margarita Boladeras Cucurella -
Leonor Parcero
Margarita Boladeras é catedrática emérita de Filosofía Moral e Política da Universidade de Barcelona, especializada en temas de filosofía contemporánea e en cuestións de filosofía da ciencia, ética e bioética. Foi decana e vicedecana da Facultade de Filosofía da Universidade de Barcelona e dirixiu varios proxectos de investigación sobre problemas da súa competencia.
Desde 1995 é vogal do Comité de Bioética de Cataluña e foi codirectora do estudo sobre a práctica da eutanasia e o suicidio asistido, publicado en 2006; é tamén membro da Comisión de Bioética da Universidade de Barcelona. Forma parte do Consello de Redacción da revista Ágora da Universidade de Santiago de Compostela e do Consello Asesor da revista MUSAS. Revista de investigación en Muller, Saúde e Sociedade (Universidade de Barcelona).
Foi membro do European Network for Life Sciences, Health and the Courts (2004-2008), directora adxunta da revísta Humanidades Médicas (2002-2004) e membro do xurado dos premios e bolsas da Fundación Víctor Grífols i Lucas para o desenvolvemento da Bioética (de 1999 a 2016).
Ademais de numerosos artigos, publicou 17 libros como autora ou editora, entre os que destacan: El derecho a no sufrir. Argumentos para la legalización de la eutanasia, Barcelona: Los libros del lince, 2009; Comunicación, ética y política. Habermas y sus críticos, Madrid: Tecnos, 1996; El impacto de la tecnociencia en el mundo humano, Madrid: Tecnos, 2013, versión francesa: Parlons bioéthique, Québec: Presses de l’Université Laval y París: Hermann Éditeurs, 2017; Jocs de vida. Reflexions sobre la cultura i la condició humana, Barcelona: Edicions 62, 1990, premio de ensaio do Ateneo Barcelonés.