Doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago no ano 1967 e Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola desde 1987. Catedrático Emérito (2011-2013) e “Ad Honorem” (2014-2016).
Profesor na Universidade de Santiago de Compostela nas facultades de Farmacia e Bioloxía e na Escola de Enxeñería Ambiental, asi como Profesor de Terceiro Ciclo nas universidades de Santiago, Coruña, Oviedo, Granada, Valencia, Lleida, Alicante, Madrid e Barcelona e na Internacional Menendez y Pelayo (Santander, Valencia, Pontevedra, A Coruña).
Os seus traballos de investigación dedicáronse ao estudo dos solos (propiedades físicas, cartografía, capacidade productiva, erosión e degradación) especialmente no relativo aos de Galicia e, en xeral, da zona húmida española. Así mesmo, estudou a climatoloxía agrícola e as consecuencias sobre os ecosistemas terrestres do cambio climático. A calidade das augas fluviais en relación coas actividades agrarias así como os efectos dos incendios forestais sobre augas e solos foron outros tantos temas de investigación. Finalmente, realizou tamén estudos e traballos sobre a historia da ciencia en Galicia e as relacións entre a ciencia e a sociedade.
Dirixiu 31 teses de licenciatura e 28 teses doctorais.
Foi autor ou coautor de 17 libros e coordinador xeral de outros 30. Autor ou coautor de 87 capítulos de libros e de 235 traballos de investigación en revistas de difusión nacional e 122 de difusión internacional. Ten 113 comunicacións a congresos. Foi investigador principal de 42 proxectos de investigación.
En 1968 foi bolseiro da Fundación “Juan March” e, en 1973, da Fundación “Barrié de la Maza”. Foi presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e director do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1980 é presidente do novo Seminario de Estudos Galegos. Foi membro do Council of the European Soil Conservation Society e do Comité Científico estatal de Parques Nacionales. Coordinador da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega desde o ano 2000 ata o 2018 e da de Patrimonio Natural desde 1983 ata o 2000. Foi Vicepresidente desta institución (2003-2016).
Acádemico correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia (1992) e numerario da Academia de Farmacia de Galicia (2000). Desde o ano 2002 é membro numerario da Real Academia Galega. Recibiu entre outros premios e distincións, no ano 1980, o de Investigación da Deputación de Pontevedra, no 1997, o Premio da Crítica de Galicia (Investigación), no ano 2008, o Premio Nacional de Cultura Galega en “Pensamento e Cultura Científica” e no 2016, o “Lois Peña Novo”.