Mulleres e homes, homes e mulleres: A postura de Regueifas de Ciencia
Leonor Parcero
Antes de nada, queremos darche as grazas por seguir Regueifas de Ciencia.
Hai explicacións moi difíciles de dar, pero agora que estamos rematando a segunda edición, imos tratar de facelo.
Desde a organización de Regueifas sentímonos moi comprometidos e prestamos unha atención moi especial á visibilidade da muller na ciencia, pero podes crernos se che dicimos que ás veces non é nada sinxelo, especialmente nalgúns campos.
Por un lado, igual que hai áreas nas que a maioría de investigadoras e expertas son mulleres, tamén pasa ao contrario.
Doutra banda, en moitas ocasións as invitadas orixinalmente non aceptaron participar e por máis insistencia que tivemos desde a organización por convencelas ou por substituílas con outras invitadas igualmente válidas, non foi posible e o evento quedou con presenza unicamente masculina. Non é algo premeditado ou malintencionado.
O que non podemos (e non debemos, porque temos un compromiso) é deixar de facer un debate porque logo de buscar con todo os nosos esforzos non deamos atopadomulleres de primeiro nivel e referentes no seu campo que estean dispoñibles nas nosas datas. Ás veces é unha cuestión de axenda e as datas das Regueifas non sempre se poden mover. Cando estamos montando o debate e nos atopamos nesa situación, a calidade e a traxectoria dos convidados está para nós por riba de todo.
Regueifas de Ciencia ten ademais unha dificultade engadida, e é que debemos convidar persoas que se sitúen claramente e estean cómodas defendendo en público unha postura concreta. É dicir, que para estar en Regueifas non é suficiente con ser un experto ou experta recoñecido nun tema. Isto non é que dificulte ter convidados mulleres, é que reduce as opcións en todos os casos.
Ás veces quen ven é unha muller, ás veces quen ven é un home. Pero todos os convidados de Regueifas foron escollidos baixo criterios obxectivos, tendo en conta a súa traxectoria e solvencia, nunca por pertencer a un sexo ou a outro.
Con todo, comprometémonos a seguir facendo esforzos para visibilizar ás mulleres que traballan en ciencia e tecnoloxía. Porque algo sexa difícil non quere dicir que non haxa que traballar para melloralo.
Grazas, de novo, por seguir Regueifas de Ciencia.