- Richard Faragher -
Leonor Parcero
Richard Faragher é Profesor de Xerontoloxía Biolóxica na Universidade de Brighton e foi presidente da British Society for Research on Ageing, da International Association of Biomedical Gerontology e da American Aging Association. Estudou no Imperial College e desenvolveu o seu doutoramento na Universidade de Sussex. A súa principal liña de investigación é a relación entre a senescencia celular e o envellecemento do organismo. En 2002 o seu traballo sobre a enfermidade de envellecemento acelerado Síndrome de Werner, valeulle a Medalla ao descubremento científico máis destacado da Royal Pharmaceutical Society Conference Science. En 2005 foi o primeiro científico da historia en recibir o premio Help the Aged pola súa defensa dos maiores e as súas investigacións no seu beneficio. En 2010 convertiuse no primeiro británico en recibir o premio Paul F. Glenn pola súa investigación no mecanismo biolóxico do proceso de envellecemento. É profesor visitante no Moscow Institute of Physics and Technology e pertence ao comité editorial das revistas científicas “Age” e “Mechanisms of Aging and Development”.
O Profesor Faragher foi membro do Consello Asesor Científico da ONG Research into Ageing e nos paneis de estratexia e financiamento para o BBSRC, o National Institutes on Ageing dos EUA e a Unión Europea. De 2005 a 2008 foi codirector do programa BBSRC-EPSRC SPARC, unha rede de investigación deseñada para poder levar a cabo investigación interdisciplinar en envellecemento a nivel nacional. En 2015 convertiuse no primeiro británico en ser elexido para formar parte da xunta directiva da American Federation for Aging Research, a principal organización sen ánimo de lucro nos Estados Unidos que apoia e promove o envellecemento saudable a través da investigación biomédica. En 2016 foi recoñecido co premio máis importante polos servizos á xerontoloxía en Reino Unido, a medalla Lord Cohen of Birkenhead.